Como pedir o servizo?
Moi fácil, simplemente deberás chamar ao teléfono 981 546 100.
Atenderache unha persoa de 8 a 19 horas, todos os días laborais.
Nunha única chamada poderás reservar varias prazas no autobús ou, mesmo, reservar varias viaxes para os próximos 15 días.
Teño que chamar sempre para poder utilizar os autobuses?
Non. Só terás que chamar para reservar praza en paradas que se presten baixo demanda. Nesta mesma páxina tes información sobre as paradas e os servizos que, en cada concello, se prestan baixo demanda.
Tamén podes obter información dirixíndote á empresa de transporte que preste o servizo.
Cando chamar?
A reserva debe facerse antes das 19 horas do día laborable anterior a aquel no que vaia viaxar.
Así, se o vindeiro mércores 27 de decembro queres coller o autobús para ir ao centro de saúde, deberás chamar antes das 19 horas do martes 26 de decembro.
En cambio, se o martes 26 de decembro queres coller o autobús para ir facer compras, como o luns é festivo deberás chamar antes das 19 horas do venres 22 de decembro.
Que preciso para chamar?
Simplemente deberás ter o número do teu DNI e saber cando queres viaxar e entre que paradas. Nesta páxina tes información dos servizos de transporte, o que tamén poderás consultar nas empresas de transporte.
Ao final da chamada indicaráseche o número de confirmación da súa reserva, deberás ter onde anotar.
Se ao chamar indica un correo electrónico, enviaráseche ao mesmo a reserva co teu número de confirmación, o que tamén che facilitará a túa anulación, se fose o caso.
Debo chamar para anular a reserva se finalmente non vou viaxar?
Si, se finalmente non vas viaxar deberás anular a reserva. Se non o fixeches, outras persoas poderán quedar sen praza.
Para facer a anulación, tan só deberás volver chamar ao mesmo número de teléfono. Se é posible, deberás indicar o número de confirmación da túa reserva.
Tamén podes facer a anulación enviando o correo electrónico no que se che confirmou a túa reserva ao enderezo baixodemanda@xunta.gal.
Teño que facer algo ao subir ao autobús?
Ao subir ao autobús na túa parada deberás poder indicar ao condutor o nome da persoa que fixo a reserva e o código da reserva que se che indicou.
Poderei subir ao autobús se non fixen a reserva?
Se ninguén fixo unha reserva para a túa parada o autobús non pasará por ela, polo que non poderás subir. Ademais, outras persoas poderán ter reservado noutras paradas as prazas das que dispoña o autobús, polo que aínda que non estean ocupadas pode que non queden prazas libres para a túa viaxe.
Podo facer as reservas por outros medios?
A partir da posta en funcionamento do novo sistema as reservas deberán facerse a través do teléfono 981 546 100, e xa non será posible facelas nos teléfonos das empresas. Estes teléfonos poderán ser consultados para obter información das súas liñas e horarios.
Non obstante, o novo modelo permitirá introducir progresivamente novas funcionalidades, das que se informará segundo se vaian incorporando, tales como ofrecer unha maior información doutros servizos cos que poder enlazar para, por exemplo, ir á capital da provincia, ou mesmo, facer reservas de xeito doado dende o móbil.