O plan de transporte público de Galicia ofrece un modelo tarifario unificado que permite acceder a tarifas reducidas, bonificacións por uso frecuente e descontos específicos segundo o perfil da persoa usuaria.
Actualmente pagando con MoBT pódeste beneficiar dun desconto do 40% con respecto ao pago en efectivo.
Servizos metropolitanos
Os servizos metropolitanos corresponden aos desprazamentos dentro das 5 Áreas de Transporte Metropolitano, en diante ATM, implantadas: A Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol e Lugo. Os concellos que forman parte dunha ATM organízanse en zonas de transporte. Unha zona de transporte pode estar formada por un ou varios concellos.

Tarifas
Pódense ver as tarifas aplicables, entre orixes e destino, de cada área metropolitana na páxina de detalle de cada ATM.
Ademais, as persoas usuarias habituais que utilicen MoBT e que superen as 41 viaxes metropolitanas ao mes recibirán unha bonificación por recorrencia, coa devolución do 15 % do importe total gastado nese período. Podes consultar o prezo dos teus desprazamentos a través do planificador de MoBT.
Na páxina de detalle de cada ATM pódense consultarse os tempos aplicables para considerar un traxecto como transbordo entre unha orixe e un destino.
Servizos interurbanos
Os servizos interurbanos inclúen os desprazamentos entre concellos fóra das Áreas metropolitanas de Transporte (ATMs) ou entre concellos pertencentes a ATMs distintas, por exemplo: un desprazamento Ferrol – A Coruña.
Tarifas
Billete sinxelo:
- Pago en efectivo: desde 1,60 euros, a tarifa aplicable dependerá da distancia entre os concellos de orixe e destino da viaxe.
- Pago con MoBT: desconto do 10% e acceso ás bonificacións por recorrencia. Adicionalmente, de acordo coa Resolución do 23 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade aplicarase sobre esta tarifa, unha minoración adicional e temporal do 40%.
Usuarios e usuarias frecuentes:
- Recorrencia interurbana: as persoas usuarias terán dereito a unha bonificación do 25% a partir do viaxe número 21 que, no mesmo mes, faga entre os mesmos concellos e na mesma concesión pagando con MoBT; a partir da viaxe 41 esta bonificación increméntase ata o 50%.
Podes consultar o prezo dos teus desprazamentos a través do planificador de MoBT.
Descontos
Os usuarios e usuarias de MoBT que pertenza a algún dos colectivos seguintes terán dereito a descontos adicionais sobre a tarifa para abonar tanto en desprazamentos metropolitanos como interurbanos:
- Menores de 14 anos: poden viaxar gratis de forma ilimitada en toda a rede de transporte da Xunta de Galicia.
- Menores de 21 anos: poden viaxar gratis, ata un máximo de 60 viaxes ao mes, en toda a rede de transporte da Xunta de Galicia.
- Maiores de 65 anos: poden viaxar gratis, ata un máximo de 60 viaxes ao mes, en toda a rede de transporte da Xunta de Galicia.
- Familias numerosas: Os descontos aplicables na rede de transporte da Xunta de Galicia para as persoas usuarias pertencentes a familias numerosas son os seguintes:
- 20% para a categoría xeral.
- 50% para a categoría especial.